LIFE Timber For All impulsa en Santiago unha xornada sobre metodoloxía NEB e construción con madeira en España
Este luns, 22 de xuño, na sede da Fundación Laboral da Construción en Santiago de Compostela, a xornada “Metodoloxía NEB e construción con madeira en España”, un encontro orientado a abrir unha conversa estruturada con axentes relevantes do sector arredor dun reto clave: adaptar o marco metodolóxico da Nova Bauhaus Europea (NEB) ao contexto da construción industrializada con madeira en España.
A sesión, deseñada cun formato híbrido entre mesa redonda e obradoiro de traballo, permitiu identificar barreiras, oportunidades e casos de referencia que poidan contribuír á definición dunha metodoloxía útil, aplicada e aliñada coa realidade do sector. A xornada foi coordinada polo IAAC, entidade facilitadora e referente no ámbito da NEB Academy, que introduciu o marco de traballo e dinamizou a conversa ao longo da mañá.
Unha metodoloxía aplicada á realidade da construción con madeira
A sesión de traballo estruturouse arredor dos tres grandes principios da Nova Bauhaus Europea —sostibilidade, beleza e inclusión— aplicados á construción con madeira. O obxectivo foi analizar como estes eixes poden traducirse en criterios operativos para promover unha edificación máis responsable, innovadora e con impacto positivo no territorio.
No bloque dedicado á sostibilidade, abordáronse cuestións como o desempeño ambiental, a trazabilidade, a circularidade, o carbono, a xestión forestal e outros aspectos fundamentais para avanzar cara a unha construción con madeira verdadeiramente responsable.
A reflexión sobre a beleza centrouse na calidade arquitectónica, a experiencia espacial, o benestar, a dimensión biofílica e as novas oportunidades de deseño vinculadas ao uso da madeira.
Pola súa banda, o bloque de inclusión permitiu debater sobre accesibilidade, asequibilidade, valor público, cohesión territorial e a capacidade da construción con madeira para xerar un impacto social positivo.
A sesión concluíu cunha posta en común sobre a aplicabilidade da metodoloxía, os posibles formatos de desenvolvemento e os seguintes pasos do traballo conxunto no marco do proxecto.
Galicia, territorio de referencia para a construción con madeira
A apertura institucional contou coa participación de Manuel Guaita, director de PEMADE, e Alfredo Fernández Ríos, director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), quen destacou o potencial de Galicia no emprego da madeira no ámbito da construción. Fernández subliñou o esforzo dos axentes do sector forestal-madeira e o compromiso da Administración autonómica para impulsar o uso deste material nas edificacións desenvolvidas na comunidade.
Durante as súas intervencións, puxeron en valor o papel da madeira como recurso de proximidade con capacidade para xerar emprego industrial, valor engadido e novas oportunidades arredor dunha arquitectura máis sostible. Tamén salientaron a importancia de proxectos como LIFE Timber For All, nos que participan entidades de investigación e innovación, empresas e clústeres co obxectivo de achegar coñecemento, avanzar na industrialización da construción e reforzar a súa sostibilidade.
Neste sentido, lembrouse que o proxecto presta atención, entre outras liñas de traballo, aos sistemas híbridos madeira-formigón e ao desenvolvemento de formigón baixo en carbono a partir do emprego de cinzas. O avance nestes materiais é estratéxico para que as empresas poidan dispoñer de solucións baseadas en desenvolvementos propios.
Casos de referencia e visitas técnicas
Ademais da sesión de traballo, a xornada incluíu diferentes presentacións técnicas vinculadas a experiencias concretas de innovación construtiva.
Un dos relatorios estivo dedicado ás solucións madeira-formigón no Centro de Protonterapia de Galicia, coa participación de Daniel Hermosilla, de Rodiñas, e José Antonio Lorenzana, de PEMADE.
A continuación, Ángel Panero, do Consorcio de Santiago, presentou a obra de rehabilitación da antiga curtidoiría de Pontepedriña de Arriba, seguida dunha visita técnica ao espazo. Pola tarde, o programa completouse cunha visita guiada ao Centro de Saúde de Moaña.
Participación de socios e axentes do sector
Entre as entidades asistentes á xornada atopábanse socios do proxecto como PEMADE, XERA, Rodiñas, Xilonor, IAAC, ITeC, o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD), Galicia Construye, a Universidad de Granada e 3edata.
O encontro contou tamén coa participación de representantes doutras entidades, empresas do sector e profesionais da arquitectura, así como coa presenza do SERGAS como entidade convidada.