Life timber for all

LIFE Timber for All, seleccionado como caso de éxito no Catálogo de Boas Prácticas da Alianza Galega polo Clima e candidato aos Premios Acción polo Clima

O proxecto europeo LIFE Timber for All acada un novo recoñecemento na súa estratexia de descarbonización da construción ao ser incluído no Catálogo de Casos de Éxito da Alianza Galega polo Clima, iniciativa da Xunta de Galicia, optando ademais aos Premios Acción polo Clima 2026.

A aposta por unha construción máis sostible, industrializada e baseada nos recursos forestais locais segue a sumar fitos. O proxecto LIFE Timber for All foi seleccionado para formar parte do novo Catálogo de Casos de Éxito da Alianza Galega polo Clima, unha recompilación de boas prácticas promovida pola Xunta de Galicia que pon en valor aquelas iniciativas capaces de xerar un impacto real e medible cara á neutralidade climática no noso territorio.

Grazas a esta selección, o proxecto é ademais candidato aos Premios Acción polo Clima, galardóns que recoñecen o compromiso ambiental, a capacidade de innovación e a transferencia tecnolóxica de entidades e iniciativas que marcan o camiño cara a unha Galicia climaticamente neutra e resiliente.

A entrega destes galardóns e a presentación oficial do catálogo terán lugar durante a IV Conferencia das Partes da Alianza Galega polo Clima, o encontro anual de referencia que reúne a todo o ecosistema galego comprometido coa transición ecolóxica.

Detalles da xornada:

  • Data: 23 de outubro de 2026.
  • Horario: De 12:00 a 14:00 h (acreditacións desde as 11:30 h).
  • Lugar: Lux Events Center – Bandalux (Santiago de Compostela).

Durante a mañá presentarase o balance das novidades da Alianza neste 2026, proxectaranse as boas prácticas que integran o catálogo e compartirase un espazo de diálogo entre axentes públicos, centros de investigación e tecido empresarial para continuar acelerando a transición cara a unha economía circular e neutra en carbono.

LIFE Timber for All, seleccionado como caso de éxito no Catálogo de Boas Prácticas da Alianza Galega polo Clima e candidato aos Premios Acción polo Clima