LIFE TFA participa na primeira reunión do grupo de traballo sobre a metodoloxía de créditos de carbono para a construción con madeira en Galicia
Santiago de Compostela acolleu o 17 de xuño unha reunión de traballo centrada na “Metodoloxía para a certificación do almacenamento de carbono en produtos de madeira para a construción en Galicia”, unha das liñas de desenvolvemento vinculadas ao Sistema Voluntario de Créditos de Carbono da Xunta de Galicia.
A xornada, organizada pola Xunta de Galicia a través da Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, dependente da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, reuniu entidades públicas e privadas con coñecemento técnico especializado en construción con madeira, certificación, sustentabilidade e cadea forestal-madeira.
Por parte do proxecto LIFE TFA participaron Xilonor, 3edata e o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, socios do proxecto. Tamén asistiron representantes da Fundación Arume, CIS Galicia e da propia Xunta de Galicia.
O encontro constituíu a primeira reunión do grupo de traballo da metodoloxía de créditos de carbono sobre construción con madeira para o Sistema Voluntario de Créditos de Carbono da Xunta de Galicia. Este grupo ten carácter asesor e a súa finalidade é achegar coñecemento técnico especializado e apoio ao Comité Técnico no proceso de análise das metodoloxías.
Durante a xornada presentouse o estado actual e a folla de ruta do Sistema Voluntario de Créditos de Carbono, así como das súas metodoloxías asociadas. Ademais, as entidades participantes analizaron e debateron as diferentes alegacións recibidas á metodoloxía proposta pola Xunta de Galicia para a certificación do almacenamento de carbono en produtos de madeira para a construción.
A definición e peche desta metodoloxía constitúe un avance relevante para o sector da madeira en Galicia, xa que permitirá establecer criterios técnicos comúns para cuantificar, verificar e rexistrar o carbono almacenado en produtos de madeira empregados en edificación. Esta ferramenta contribuirá a reforzar o papel da madeira como material estratéxico na descarbonización do sector da construción e no impulso de modelos construtivos máis sostibles.
Para o proxecto LIFE TFA, a participación neste grupo de traballo supón un paso importante no desenvolvemento dun dos seus resultados esperados: contribuír á creación dunha metodoloxía sólida, verificable e adaptada ao contexto galego para recoñecer o almacenamento de carbono en produtos de madeira destinados á construción.
A reunión permitiu avanzar na revisión técnica da proposta metodolóxica e na integración de achegas de axentes clave do sector, favorecendo unha aproximación compartida entre administración, entidades tecnolóxicas, empresas e representantes da cadea de valor forestal-madeira.