Formación en estruturas de madeira no marco de LIFE Timber for All
O Curso Formativo PEMADE-USC 2026 combina formación especializada, innovación e transferencia de coñecemento para achegar as solucións de construción sostible con madeira desenvolvidas no proxecto LIFE Timber for All.
Esta semana inaugurouse nas instalacións de PEMADE o Curso Formativo PEMADE-USC 2026, cofinanciado por XERA, no que participan socios do proxecto LIFE Timber for All, entre eles a Universidade de Santiago de Compostela, PEMADE e a Axencia Galega da Industria Forestal.
Durante as próximas semanas, o alumnado afondará no comportamento, deseño e cálculo de estruturas de madeira, combinando formación teórico-práctica, uso de software especializado e actividades desenvolvidas no laboratorio.
Ademais, o curso permitirá achegar ás persoas participantes ás solucións estruturais madeira–formigón desenvolvidas no marco de LIFE Timber for All, favorecendo a transferencia de coñecemento e promovendo unha construción máis sostible, eficiente e aliñada cos retos actuais do sector.
A formación desenvolverase de maneira presencial na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela ata o próximo 11 de xullo, cunha carga lectiva total de 100 horas e 10 créditos ECTS.