Life timber for all

LIFE Timber for All presenta a FINSA os resultados sobre o uso de cenizas de biomasa en formigón

LIFE Timber for All presentou a FINSA os resultados do estudo sobre a incorporación de cenizas de biomasa en formigón, unha solución con potencial para reducir o uso de cemento e áridos convencionais e avanzar cara a unha construción máis circular.

LIFE Timber for All presenta a FINSA os resultados sobre o uso de cenizas de biomasa en formigón

O pasado 15 de xullo de 2026, o equipo do proxecto LIFE Timber for All mantivo unha reunión de traballo en liña con representantes de FINSA e CETIM para presentar os avances obtidos no estudo de integración de cinzas procedentes de biomasa nos formigóns desenvolvidos por Rodiñas.

Durante o encontro expuxéronse os principais resultados do informe elaborado no marco do paquete de traballo WP2, centrado na dosificación e estandarización destas cinzas para a súa posible utilización como substituto parcial do cemento e dos áridos. Tamén se abordaron as especificacións técnicas necesarias para incorporar este material á fabricación de formigón.

Os resultados presentados poñen de manifesto o potencial das cinzas xeradas na planta de Fibranor, pertencente a FINSA, para a súa aplicación en diferentes tipos de formigón, incluídos aqueles destinados a usos estruturais. Esta liña de traballo abre novas posibilidades para valorizar un residuo derivado da biomasa e reducir o consumo de materias primas convencionais no sector da construción.

A reunión permitiu ademais analizar as actuais limitacións normativas relacionadas co emprego de cinzas de biomasa e debater os próximos pasos necesarios para avanzar na súa caracterización, estandarización e futura incorporación a solucións construtivas.

Na sesión participaron representantes da Universidade de Santiago de Compostela, Rodiñas, Xilonor, 3edata, FINSA e CETIM, reforzando a colaboración entre as entidades implicadas no desenvolvemento de materiais e sistemas construtivos máis sustentables.

Esta actividade enmárcase no compromiso de LIFE Timber for All coa economía circular, a innovación e o aproveitamento eficiente dos recursos vinculados á cadea de valor da madeira.