LIFE Timber for All celebrará en Lugo o seu segundo encontro sobre a Nova Bauhaus Europea e a construción con madeira
A xornada, que terá lugar o 1 de decembro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, reunirá a profesionais e representantes do sector para avanzar nunha metodoloxía que integre a sostibilidade, a beleza e a inclusión nos proxectos de construción con madeira.
O proxecto europeo LIFE Timber for All celebrará o vindeiro 1 de decembro de 2026, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo, a súa segunda mesa redonda dedicada á integración dos principios da Nova Bauhaus Europea (NEB) na construción con madeira en España.
Baixo o título «A New European Bauhaus e a construción con madeira», o encontro dará continuidade a unha primeira xornada de traballo con representantes do sector e permitirá avanzar no desenvolvemento dunha metodoloxía adaptada ás necesidades de profesionais, empresas e administracións.
Nesta segunda sesión, os participantes poderán contrastar os criterios e indicadores incorporados á metodoloxía e explorar os formatos que facilitarían a súa aplicación práctica. O obxectivo é contribuír ao desenvolvemento dunha ferramenta útil, potencialmente dixital, que permita orientar e avaliar proxectos construtivos desde os tres valores fundamentais da Nova Bauhaus Europea: sostibilidade, beleza e inclusión.
Un espazo de diálogo e participación para o sector
A xornada comezará ás 9:30 horas cunha apertura institucional, para a que está prevista a participación de representantes da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), a Deputación de Lugo e o Concello de Lugo.
A continuación, presentaranse os avances de LIFE Timber for All e abordaranse as oportunidades e os desafíos de integrar os principios da Nova Bauhaus Europea nos proxectos de construción con madeira en España.
Un dos momentos centrais será o obradoiro interactivo facilitado polo Institute for Advanced Architecture of Catalonia (IAAC), socio do proxecto, no que os asistentes poderán achegar ideas sobre o deseño e as funcionalidades dunha futura ferramenta NEB, co propósito de facela útil, integrada e versátil.
O programa completarase cunha visita ao edificio Impulso Verde, en Lugo, como exemplo de aplicación de solucións construtivas innovadoras baseadas na madeira.
Esta segunda mesa redonda busca reforzar o diálogo entre investigación, industria, profesionais e administracións, favorecendo o desenvolvemento de instrumentos que permitan trasladar os principios da Nova Bauhaus Europea á práctica construtiva e avanzar cara a unha edificación máis sostible, inclusiva e de calidade.
Programa | Martes, 1 de decembro de 2026
- 09:30 h. Apertura institucional, con representantes da EPSE-USC, XERA-Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Lugo.
- 10:00 h. Avances do proxecto LIFE Timber for All.
- 10:15 h. Oportunidades e desafíos de integrar os principios NEB na construción con madeira en España.
- 10:45 h. Obradoiro interactivo: cara a unha ferramenta NEB útil, integrada e versátil.
- 11:30 h. Café.
- 12:15 h. Visita ao edificio Impulso Verde.
- 13:30 h. Fin da xornada.
Lugar: Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Campus de Lugo (USC).
Data: 1 de decembro de 2026.
A participación está aberta a profesionais, empresas, administracións e persoas interesadas na construción con madeira e na aplicación dos principios da Nova Bauhaus Europea.
Inscrición e confirmación de asistencia: