Life timber for all

LIFE Timber for All leva a cabo o ensaio do primeiro prototipo a escala real dos sistemas ROD-TCC

LIFE Timber for All ensaiou no laboratorio de PEMADE o seu primeiro prototipo a escala real dos sistemas ROD-TCC, un paso clave para validar estas solucións híbridas de madeira e formigón orientadas a reducir a pegada de carbono da construción.

LIFE Timber for All leva a cabo o ensaio do primeiro prototipo a escala real dos sistemas ROD-TCC

O laboratorio de PEMADE, situado na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (Campus Terra, Lugo), acolleu esta mañá o ensaio do primeiro prototipo a escala real dos sistemas ROD-TCC do proxecto LIFE Timber for All, unha iniciativa do Programa LIFE de Mitigación do Cambio Climático que impulsa a descarbonización da construción mediante o desenvolvemento de sistemas estruturais híbridos madeira-formigón e a produción de formigón de baixo carbono con cinzas de biomasa.

O proxecto busca combinar ambos os materiais para reducir as emisións do sector, almacenar carbono a longo prazo e facilitar unha arquitectura industrializada e sustentable. Ademais, LIFE Timber for All pretende avanzar en certificacións europeas, crear un pasaporte dixital do produto, aplicar metodoloxías NEB (New European Bauhaus) e desenvolver estratexias de replicabilidade, así como construír un edificio demostrador que amose as solucións desenvolvidas.

Son socios do proxecto a Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural-Universidade de Santiago de Compostela (PEMADE-USC), Rodiñas Group, Xilonor, 3edata, a Universidade de Granada, o Institut de Tecnologia de la Construcció de Catalunya, o Institut d'Arquitectura Avançada de Catalunya, o Clúster da Madeira e Deseño de Galicia, a Fundación Galicia Constrúe (Clúster da Construción) e a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA).

No encontro estiveron presentes Carlos Amiama, director da EPS; Marcelo Maneiro, vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento da USC; representantes de empresas do sector, e os socios do proxecto. Na xornada leváronse a cabo ensaios de validación do primeiro prototipo a escala real dos sistemas ROD-TCC desenvolvidos no marco do proxecto. Manuel Guaita, de PEMADE, fixo unha breve introdución ás persoas asistentes. A proba, explicada por José Antonio Lorenzana, técnico de investigación en PEMADE, permitiu presentar os primeiros resultados experimentais obtidos. Este avance supón un fito clave para LIFE Timber for All, ao marcar o inicio da validación a escala real destes innovadores sistemas construtivos híbridos de madeira e formigón e sentar as bases para as seguintes fases do seu desenvolvemento.