LIFE Timber for All participa en Bruxelas no encontro europeo sobre Carbon Farming para impulsar a descarbonización da construción
O consorcio presenta hoxe e mañá na "LIFE Platform Meeting on Carbon Farming", organizada pola Comisión Europea e CINEA, a súa aposta polos sistemas estruturais mixtos de madeira e formigón como sumidoiros de carbono a longo prazo.
O proxecto europeo LIFE Timber for All participa estes días 25 e 26 de novembro en Bruxelas na LIFE Platform Meeting on Carbon Farming, un encontro organizado pola Dirección Xeral de Acción polo Clima (DG CLIMA) da Comisión Europea e a Axencia Executiva Europea de Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA), en colaboración cos proxectos LIFE20 CCM Carbon Farming e LIFE24 CCM SUPER EU.
Ao longo destas dúas xornadas, responsables políticos da Comisión Europea (DG CLIMA, DG ENV e DG AGRI), autoridades nacionais e representantes de iniciativas financiadas pola UE analizan a aplicación práctica do Regulamento Europeo de Absorcións de Carbono e Carbon Farming (CRCF) e os avances nas metodoloxías de certificación que desenvolve a Comisión Europea, incluído o ámbito da forestación e a xestión forestal sostible. O programa combina sesións plenarias, unha exposición de pósteres e obradoiros temáticos con presentacións breves (elevator pitches) dos proxectos participantes, ademais de visitas técnicas de campo en Valonia e Flandres.
Neste foro europeo, o equipo de LIFE Timber for All comparte o seu enfoque integral "do monte ao edificio", orientado a reducir a pegada climática da edificación —responsable dun terzo das emisións globais de gases de efecto invernadoiro— mediante a industrialización sostible. Entre as liñas de traballo que o consorcio expón en Bruxelas destacan:
- Almacenamento de carbono a longo prazo en estruturas híbridas: Desenvolvemento e validación da familia de sistemas estruturais mixtos madeira-formigón (ROD-TCC: Rod-Compact, Rod-Alveo, Rod-Box e Rod-BoxTens), que combinan ambos materiais para reducir o consumo de formigón e aceiro e fixar carbono bioxénico nos edificios durante décadas.
- Trazabilidade e xestión forestal sostible: Uso exclusivo de madeira local procedente de montes con xestión sostible certificada (PEFC/FSC) e despregamento dun Pasaporte Dixital de Produto apoiado en ferramentas de trazabilidade (como FORTRA) para garantir a transparencia en toda a cadea de valor.
- Certificación do carbono almacenado e Nova Bauhaus Europea: Acreditación das prestacións técnicas e do carbono almacenado en produtos de construción de longa duración —no marco do sistema voluntario de créditos de carbono de Galicia e en sintonía co marco europeo CRCF—, xunto coa aplicación dos principios da Nova Bauhaus Europea (NEB), a compra verde e a futura construción dun edificio demostrativo.
Coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través de PEMADE, o consorcio integra a Grupo Rodiñas (RPRET, RESTR, RTECN), Universidad de Granada (UGR), ITeC, IAAC, 3EDATA, XERA, Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD), Fundación Galicia Constrúe (FGC) e Xilonor, coa cofinanciación do Programa LIFE da Unión Europea (Acordo de Subvención 101213433).