LIFE Timber for All, recoñecido como caso de éxito pola Alianza Galega polo Clima
O proxecto europeo foi incluído no Catálogo de Casos de Éxito da iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e participou como candidato nos Premios Acción polo Clima 2026, celebrados en Santiago de Compostela.
O proxecto europeo LIFE Timber for All participou o pasado 23 de outubro na IV Conferencia das Partes da Alianza Galega polo Clima, celebrada no Lux Events Center – Bandalux, en Santiago de Compostela. Durante o encontro, organizado pola Xunta de Galicia e que reuniu a 110 participantes, presentouse o novo Catálogo de Casos de Éxito da Alianza, no que foi incluído LIFE Timber for All como exemplo de boas prácticas en materia de acción climática e economía circular.
Esta selección pon en valor o traballo desenvolvido polo proxecto para avanzar na descarbonización do sector da construción mediante o desenvolvemento de sistemas estruturais mixtos que combinan madeira de orixe local e formigón de baixa pegada de carbono. Estas solucións buscan favorecer unha edificación máis sostible e industrializada, aproveitando as prestacións de ambos os materiais e promovendo a utilización de recursos forestais locais.
A inclusión no catálogo permitiu, ademais, que LIFE Timber for All participase como candidato nos Premios Acción polo Clima 2026, cuxa entrega tivo lugar durante a conferencia. Aínda que o proxecto non resultou premiado, a súa selección supón unha oportunidade para dar visibilidade aos seus avances e achegar as solucións construtivas que desenvolve a outras entidades comprometidas coa transición climática.
Un encontro para compartir experiencias e boas prácticas
A xornada contou coa participación de representantes da Administración autonómica, empresas e entidades vinculadas á sostibilidade e á innovación. Entre as intervencións destacaron as de Catalina Thomas de Carranza, subdirectora xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático; Nicolás Alonso, CEO de Ecoforest; e Alicia Fernández, directora sénior de Valora Consultores, encargada de presentar o catálogo de boas prácticas. A clausura correu a cargo de Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático.
LIFE Timber for All estivo representado por Marco Rubinos e Boris Hinojo, de 3edata, socio do proxecto, quen participaron tamén no espazo de networking celebrado ao finalizar a xornada. Este encontro permitiu intercambiar experiencias e establecer contactos con representantes doutras empresas e entidades, entre elas Viratec, o Clúster da Biomasa de Galicia e Birdmind.
A presenza de LIFE Timber for All nesta conferencia reforza o seu compromiso coa difusión de solucións construtivas innovadoras, a transferencia de coñecemento e a promoción de modelos de edificación que contribúan a reducir o impacto ambiental do sector.
Consulta o Catálogo de Casos de Éxito da Alianza Galega polo Clima, no que se recolle o proxecto LIFE Timber for All: